O alcalde de Catoira, Alberto García, continúa realizando xestións para mellorar o servizo ferroviario do municipio.

Tralo encontro mantido o pasado 4 de abril con representantes de Comisións Obreiras, esta mañá reuniuse con Manuel Tomé e Susi Sixto, presidente e administradora da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomas da Pobra do Caramiñal. Neste encontro acordaron traballar conxuntamente na busca de apoios para que a estación de ferrocarril de Catoira sexa a de referencia para a comarca do Barbanza. Na mesma liña do acordado cos representantes sindicais a principios deste mes, consideran necesario apostar pola intermodalidade, establecendo os medios de transporte que sexan necesarios para facilitar á poboación dos municipios de Rianxo, Boiro, Ribeira e Pobra do Caramiñal os desprazamentos en tren de proximidade e de media e longa distancia. Isto é especialmente necesario para os/as estudantes que se desprazan ás principais cidades e que, na actualidade, teñen que dispoñer de familiares ou achegados que os trasladen á estación en vehículos privados.

O establecemento da intermodalidade é unha responsabilidade da Xunta de Galicia, e o incremento de paradas do Goberno do Estado. Por este motivo, vanse solicitar entrevistas cos responsables da Xunta e de Renfe a este respecto. Tomé  e Sixto tamén se comprometeron a dirixirse a outras asociacións de empresarios e alcaldes da comarca para que se sumen a estas reivindicacións.

Top