Esta mañá inaugurouse na sala Luis Seoane, do Concello de Catoira, a exposición “Rompe. Xoga en igualdade”, organizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra, no marco da conmemoración do 8 de marzo, día Internacional da Muller.

Ao acto asistiron as autoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, xunto ao alcalde, Alberto García, o concelleiro Javier César e a deputada provincial Noemí Outeda.

Pretende reivindicar a igualdade entre homes e mulleres e a concienciación social visualizando a posición de asimetría e discriminación da muller nas distintas sociedades, xerme da violencia machista. Trátase dunha exposición de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo precisando apenas un texto explicativo. As bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos así como a transmisión de valores.

As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos. Mostralas intervidas como mulleres obxecto e representando a realidade da desigualdade das mulleres na sociedade é considerado polas creadoras como un recurso didáctico, esclarecedor e reivindicativo.

A exposición pode visitarse desde hoxe ata o 27 de marzo en horario de 9 a 14,30 horas e de 16,30 a 19 horas, de luns a venres.

Top