O Concello de Catoira é beneficiario de dous proxectos arqueolóxicos, financiados a través da Deputación de Pontevedra, e que se van levar a cabo nos próximos meses.

Esta mesma semana comezan os traballos de sondaxe no lugar de A Capela (San Salvador) que pretenden definir que tipo de xacemento se localiza nun recinto no que, durante anos, foron aparecendo distintos achados -un deles a ara romana que se exhibe no CACTO- que indican que puido albergar unha necrópole ou algunha edificación sagrada. A través desta actuación tratarase de establecer que tipo de xacemento é e maila súa cronoloxía. O arqueólogo Diego Piay dirixe este proxecto, subvencionado polo ente provincial con 8.000 euros, ao abeiro do Plan Concellos.

Por outra banda, esta fin de semana fíxose público outro proxecto arqueolóxico que se vai levar a cabo en Catoira, neste caso no recinto das Torres de Oeste. Esta iniciativa é froito dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT). Esta intervención será de mínima invasión, permitindo obter información sen producir grandes impactos, empregando técnicas como a teledetección con drons ou prospeccións xeofísicas de subsolo.

Top