Cinco compañías procedentes de distintas comunidades autónomas traerán a Catoira os seus espectáculos esta fin de semana. Esta programación lévase a cabo ao abeiro do Proyecto Senda, unha iniciativa estatal para levar as artes de rúa ás poboacións de menos de cinco mil habitantes.
Trátase dun programa xestionado por PATEA (Artes de Calle Asociadas), en Galicia pola compañía Troula, que pretende desenvolver un circuíto de artes escénicas na rúa e achegalo a localidades rurais. Para iso contan co apoio do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) do Ministerio de Cultura e do propio Concello de Catoira.
En Catoira xuntaranse compañías de Valencia, Navarra, País Vasco e Extremadura traballando diferentes disciplinas de rúa: correfocs, danza vertical, teatro, instalacións, performances, etc.
PROGRAMA:
Venres 16 decembro ás 19:00 h: Espectáculo pirotécnico itinerante “Cavaltheos”, de Produccions Scura. Trátase dun correfocs valenciano que partirá desde a Rúa da Estación ata a Alameda, acompañado de música.
Sábado 17 decembro
11 a 13:30 e 15:30 a 18 h: Xogos tradicionais “Larun”, da compañía Jokai. Instalación na Alameda de xogos populares, creativos, inclusivos, cooperativos e artesanais inspirados na mitoloxía vasca.
13 h: Danza vertical “Harria Herria”, de Harrobi Dantza Bertikala. Espectáculo de danza contemporánea vertical, na parede traseira do Auditorio.
17 h: Espectáculo “Mercachifles”, de Teatrapo Producciones. Espectáculo na Alameda que combina teatro, clown e música.
18:30 h: Performance “Él/La”, de Teatro Pho. Espectáculo multimedia, performático e interdisciplinar (audiovisual, teatro, performance) sobre a igualdade de xénero baseado nun documental rodado coa xente de Catoira.