Esta actuación permitirá aglutinar nun só edificio as diferentes escolas municipais (pandeireta, gaita, artes plásticas ou teatro, entre outras) que na actualidade están dispersas por varios locais. Ademais, o inmoble acollerá a radio municipal.
A Casa das Artes será un espazo integrador da vida cultural do Concello. Está concibida como un lugar totalmente accesible, sen barreiras arquitectónicas, e que se dotará de ramplas e dun ascensor. Contará con varias zonas diferenciadas como un espazo aberto destinado a zona de estudo e uso de tecnoloxías ou un grande salón polivalente, onde se poderán levar as actividades das escolas, que disporá dun tabique móbil para gañar en flexibilidade de usos delimitando os espazos interiores en función das necesidades que existan en cada momento. A sostibilidade foi unha das premisas que estivo en todo o momento sobre a mesa cando se formulou este proxecto, que segue a liña dos obxectivos do Plan ReacPon da Deputación. Neste senso, a antiga casa consistorial converterase nun lugar «descarbonizado» cunha envolvente térmica óptima, máquinas de climatización e produción de auga quente sanitaria e paneis fotovoltaicos que reducirán a dependencia enerxética das instalacións. Na mesma liña melloraranse os illamentos térmicos para optimizar o consumo de enerxía e apostarase sistemas renovables, paneis acústicos e sistemas e materiais que garantan as condicións de hixiene, saúde e protección do medio ambiente.
Tras este acto visitouse o CACTO cuxo contido foi unha inversión do plan rehabilita da Deputación que supuxo unha inversión de 400.000€