O centro educativo CPI Progreso de Catoira está inmerso nun novo programa ERASMUS+. Nesta ocasión establécese colaboración cun centro educativo turco, o Fevzipasa Ortaokulu, e outro francés, o Collège Louis Anquetin.

Este proxecto está cofinanciado polo programa ERASMUS da Unión Europea, a través da Acción clave 2: Asociacións para a cooperación.

“EU INTERCULTURAL PATHS2” é o título do proxecto e o seu tema abarca os ámbitos de inclusión e educación patrimonial. Este proxecto ERASMUS, que terá unha duración de 24 meses, iniciouse no mes de novembro de 2021 e rematará en novembro do 2023.

En canto ás actividades do proxecto, destacan as estancias nos diferentes centros educativos e o concurso internacional sobre a elaboración dun vídeo coa temática do patrimonio da súa localidade.

Entre os anos 2017 e 2019 tivo lugar a primeira experiencia do CPI participando nun programa Erasmus+, cando se estableceu un intercambio cun centro irlandés.

A implicación de Catoira neste programa xurdiu a raíz dos contactos establecidos polo alcalde, Alberto García, tras visitas e xestións nese país. O Goberno local agradece o esforzo e a dedicación do equipo directivo e do profesorado do centro, xa que se trata de experiencias moi enriquecedoras para o alumnado.

 

 

Top