O Concello de Catoira vén de instalar novos recursos expositivos no Centro de Activación Cultural (CACTO) en presenza do alcalde Alberto García. Trátase dun panel informativo sobre a época visigoda, xunto cunha réplica dunha moeda acuñada en Catoira, e outro panel sobre o “signo rodado” que utilizaba o arcebispo Xelmírez para autenticar os seus documentos.
A finais do S.VI os visigodos expulsaron os suevos e converteron Galicia nunha provincia goda. Nesa etapa hai indicios da presenza dunha ceca en Catoira na que se puido acuñar moeda. Agora pode verse no CACTO a réplica dunha moeda de ouro da época do rei Witericus (603-609) que leva no reverse inscrita a palabra CATORA.
O panel sobre a firma de Xelmírez reproduce graficamente o característico “signo rodado” que utilizou o arcebispo desde 1115 como símbolo de autoridade nos seus documentos.