O director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez, e o alcalde, Alberto García, presentaron esta mañá a montaxe, que estará no Auditorio de Catoira do 26 ao 29 de maio, con todas as funcións inclusivas.

Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a peza conta no elenco con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado.

“Ás oito da tarde, cando morren as nais” estará no Auditorio de Catoira desde este xoves, cunha primeira función matutina destinada a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás 21,00 horas e o domingo, ás 19,00 horas. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de catro euros, con descontos para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes desde unha hora antes da función.

Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.

Segundo destacou Fran Núñez, está confirmada xa a asistencia de veciñanza dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados e Gondomar, ao abeiro do programa de mobilidade do CDG, que permite contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.

Ademais, por primeira vez todas as representacións serán inclusivas, grazas ao sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións, tanto no Salón Teatro coma noutros espazos.

Pola súa parte, o alcalde, Alberto García, agradeceu a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira nesta xira, apostando por fomentar o teatro e o acceso a grandes producións en concellos pequenos.

Estreada o pasado 15 de abril no Salón Teatro de Santiago, a produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, iniciou o percorrido en Cee, viaxando logo a Portugal para ofrecer funcións en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e regresando a Galicia o 19 de maio con parada en Cedeira, onde permaneceu ata o 22. A xira chega agora ao Auditorio Municipal de Catoira, que acolle a montaxe do 26 ao 29, e finaliza no Teatro Principal da Estrada do 2 ao 5 de xuño.

Top