O luns 28 de marzo abría as súas portas o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste do Concello de Catoira, tras a instalación de novos paneis relativos á época sueva.
Veciños, interesados e afeccionados á Historia xa puideron achegarse e visitar a exposición individualmente ou en grupo. Compartir coñecemento enriquécenos a todos, saber de onde vimos a través da arqueoloxía nunca deixará de sorprendernos e a divulgación fomentará que se conserve xeración tras xeración.
Este mércores levouse a cabo a primeira visita guiada organizada desde o Concello de Catoira no CACTO. Visitáronnos do Coruña British School uns nenos marabillosos.
En Catoira podemos estar moi orgullosos do noso patrimonio e traballar para a súa conservación é un privilexio. E desde o CACTO non só se divulga o patrimonio do noso concello, senón tamén o da comarca e de Galicia.
O proxecto de intervención nas Torres de Oeste, financiado cos fondos da UE Next-Generation, que se vai a executar nos vindeiros meses, inclúe o desenvolvemento dunha experiencia de realidade virtual en 3D inmersiva e interactiva para a recreación dun asalto viquingo ás Torres de Oeste. Esta ferramenta permitirá explicar e poñer en contexto ao visitante sobre a historia do lugar, a situación político-cultural do momento, así como as incursión viquingas en Galicia. Trátase dun recurso innovador que, sen dúbida, enriquecerá a visita ao CACTO e ao conxunto monumental.
A posta en funcionamento do centro comezou cun longo proceso de xestións e actuacións, que se iniciaron no ano 2011 coa construción do edificio. As obras executáronse ao abeiro dun proxecto de intervención máis amplo realizado no recinto das Torres de Oeste, e que foi financiado nun 75% polo Ministerio de Fomento a través do 1% Cultural en compensación polas obras do Tren de Alta Velocidade, e polo Concello de Catoira e a Xunta de Galicia o 25% restante.
O proxecto de musealización do CACTO levouse a cabo nos dous últimos anos, grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra. Ademais dos equipamentos do edificio, o proxecto incluíu a construción do drakkar Ardglass-Catoira. A embarcación foi construída en Irlanda do Norte tras as xestións realizadas polo alcalde, Alberto García, que viaxou a Ardglass en 2019 para reunirse con representantes da asociación Ardglass Vikings, coa que o Concello de Catoira mantén contactos desde 2005, e que cedeu de forma desinteresada o molde co que se construíu o casco de poliéster. Este mesmo molde foi utilizado para a creación de numerosas réplicas de drakkars utilizados na famosa serie “Vikings”.