A sala de exposicións Luis Seoane do Concello de Catoira acolle na segunda quincena de abril a mostra “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”, coincidindo co 50 aniversario da primeira tradución ao galego realizada polo autor e coa celebración do Día do Libro o 23 de abril.

O Principiño, publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. É un relato filosófico cunha enorme carga poética que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida, o amor, a morte ou as preocupacións da vida. Foi traducido a máis de 200 linguas e dialectos e leva vendido unha cifra superior aos 90 millóns de copias en todo o mundo.

A colección de principiños de Carlos Casares evidencia a paixón do escritor polo libro de Saint-Exupéry, que el mesmo traduciu ao noso idioma en 1972. A partir daquel momento foi mercando calquera edición que atopara nas súas viaxes polo mundo. Tamén os amigos, sabedores do seu gusto, o agasallaban con exemplares curiosos. Así, foi medrando unha colección que en vida do escritor superaba o centenar de volumes, en diferentes linguas e dialectos do mundo. A Fundación Carlos Casares ten como misión ofrecela para coñecemento público, como era vontade do escritor.

A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70, así como edicións especiais e outros obxectos do tradutor que explican o amor pola obra O principiño.

Con esta exposición a Fundación Carlos Casares e o Concello de Catoira contribúen na difusión da figura do escritor ourensán, do que se vén de conmemorar o 20º aniversario do seu pasamento.

Top

Edificio Multiusos Rúa do Concello, 1 36612, Catoira (Pontevedra)

Tf. 986 54 60 14

concello.catoira@eidolocal.es