Carlos Arce Chamorro e Juan Ramón Vidal Romaní, investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía, da Universidade da Coruña, son os autores dun estudo de recente publicación, dedicado á datación dos depósitos do Río Ulla no noso concello.
Os datos que achegan son froito do traballo de campo feito por Vidal Romaní e colabores en xuño de 2010, mais as investigacións da tese de doutoramento de Carlos Arce (dirixida polo propio Vidal Romaní).
Á luz dos resultados obtidos , afirman que os depósitos da Balastrera e das Lombas son moito máis antigos do que se pensaba ata o momento , cunha idade que vai desde os 180.000 anos nas partes mais baixas observadas, ata os 70.000 anos nas zonas mais superficiais.
Comparando as mostras estudadas en Catoira cos sedimentos e restos fósiles atopados noutros enclaves, os autores fan unha reconstrución de como sería a costa galega no penúltimo ciclo glaciar. A liña de praia quedaría 35 km mais lonxe, e o Umia
desembocaría no medio dunha ampla chaira continental.
Do mesmo xeito que As Torres do Oeste son peza imprescindible para coñecer as invasións normandas, os depósitos de Borreiros e As Lombas tamén o son para comprender as invasións do mar nos últimos 15.000 anos.