A Deputación de Pontevedra comunicou ó Concello de Catoira a concesión dunha subvención por importe de 381.851,13 euros, ao abeiro do programa REACPON, para a rehabilitación da antiga casa consistorial para convertela nunha Casa das Artes.

O proxecto deseñado polo Goberno local permitirá recuperar un edificio emblemático na localidade, cunhas instalacións en decadencia continua tras o traslado das oficinas municipais, para convertelo na sede das escolas municipais de gaita e danza, de música, de teatro e de artes plásticas, actividades que se viñan desenvolvendo en espazos  disgregados e improvisados, en ocasións ao aire libre, outras en naves industriais ou en edificios municipais que non cobren as necesidades das entidades.

Un das actuacións primordiais é a eliminación das barreiras arquitectónicas. Actualmente o edificio conta con moitos niveis, o que complica en gran medida a mobilidade de persoas con discapacidade. Por este motivo, a primeira das medidas que se contempla é a de eliminar as barreiras da planta baixa, de forma que toda ela estea conectada con itinerarios accesibles, e a dotación de aseos, un deles accesible. En resumo, convértese un edificio con múltiples obstáculos nun edificio accesible e cunha mobilidade cómoda entre os seus espazos.

Outra das actuacións importantes céntrase na mellora da eficiencia enerxética das instalacións. Para iso vaise mellorar a envolvente térmica (paramentos exteriores, cuberta e xanelas), incorpóranse sistemas renovables de climatización e produción de auga quente sanitaria, e procederase á instalación de paneis fotovoltaicos en cuberta, coa intención de cubrir a totalidade de demanda enerxética do edificio, buscando eliminar completamente as súas emisións de CO2.

A distribución do edificio contempla dous espazos. Créase un espazo único como salón polivalente, onde se levarán a cabo as actividades das escolas. Deséñase cun tabique móbil na división actual que permitirá delimitar os espazos en función das necesidades. No edificio orixinal mantéñense os espazos de servizo (almacenaxe e aseos) das plantas soto e baixo cuberta.      A planta baixa déixase diáfana, como espazo de descanso e espera. Na planta primeira habilítase un espazo aberto como zona de estudo e tecnoloxía.

A achega da Deputación sufragará o 85% do proxecto, que conta cun orzamento total de 449.248,80 euros. Agora procederase a tramitar o oportuno expediente de contratación para que as obras poidan atoparse executadas na súa totalidade antes do 30 de abril de 2023.

Top