O alcalde de Catoira, Alberto García, asistiu este martes, 18 de xaneiro, ao encontro “Itinerarios Culturales: fortalecimiento, consolidación, difusión y alianzas”, celebrado na sede do Ministerio de Cultura en Madrid.

Neste encontro de xestores e iniciativas en España participaron representantes de entidades e/ou asociacións xestoras de cada Itinerario Cultural no que ten presenza España, así como outros profesionais vinculados na materia, promovendo así a interacción, a colaboración e o coñecemento entre axentes implicados.

Dada a vinculación do Concello de Catoira co Itinerario Cultural Ruta dos Viquingos, o alcalde foi convidado a expoñer nesta xornada a experiencia deste municipio como membro da Destination Viking Association, así como sobre a súa participación no proxecto Follow the Vikings e a organización do roadshow que acolleu Catoira en agosto de 2018.

O obxectivo da reunión era xerar unha xornada de traballo conxunto onde se abordaron aspectos como a difusión e visibilidade dos Itinerarios Culturais no contexto español, a extensión de Itinerarios ao ámbito Iberoamericano, a promoción de alianzas ou a Rede de Universidades de Estudos de Itinerarios Culturais, entre outras temáticas, constituíndo así un espazo de debate e reflexión, un intercambio de experiencias e boas prácticas dentro do contexto nacional e incidindo na cooperación interinstitucional sobre o tema dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa.

Eladio Fernández-Galiano, asesor especial do Programa Itinerarios Culturais do Consello de Europa; Alberto García, alcalde de Catoira; Stefano Dominioni, secretario executivo do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Top