A veciñanza de Catoira pode coñecer desde hoxe o resultado do proxecto de investigación, recuperación e divulgación da historia do noso municipio impulsado polo goberno local. Na canle de YouTube do Concello pode verse xa un vídeo de presentación que recolle fragmentos dos testemuños de persoas protagonistas nos diversos eidos das actividades produtivas, culturais, sociais, comerciais, naturais, musicais e artísticas do concello. Posteriormente iranse subindo os vídeos íntegros das 23 entrevistas levadas a cabo. Nas gravacións tamén se recollen imaxes do notable fotógrafo Francisco Buceta Gómez, máis coñecido como “Pasarín”, que o Concello ten en propiedade, coa intención de darlle maior visibilidade.

A estas «historias de vida» das nosas veciñas e veciños poderá accederse tamén a través dos códigos QR que se colocarán en diferentes puntos do termo municipal e que servirán para poñer en valor a historia local de Catoira e como legado para as vindeiras xeracións.

O proxecto foi impulsado polo Concello de Catoira e contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A produción foi levada a cabo por Memoria Documental de Galicia S.L.

 

Top