O departamento de Servizos Sociais do Concello de Catoira deseñou unha campaña de sensibilización con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A programación inclúe accións como a edición e difusión dunha publicación que recolle os testemuños de diferentes profesionais que traballan no eido da prevención e eliminación da violencia de xénero; a edición e distribución dun díptico informativo que compila información e ferramentas para identificar, previr ou denunciar situacións de violencia de xénero; e a produción e distribución de chapas coa data que se conmemora. O xoves 25 distribuiranse estes materiais na Biblioteca Pública Municipal en horario de 10:30 a 12:30 e de 16:30 a 19:30 horas. Ademais, o domingo 28 de novembro o Auditorio Municipal acolle dous espectáculos: unha actuación de teatro e danza baseada no monólogo “A voz humana”, de Jean Cocteau ás 18:00 horas; e un concerto ás 19:30 horas de Carolina Rubirosa, cantautora cunha exitosa traxectoria que a levou a actuar en escenarios de boa parte de Europa e mesmo Rusia. A entrada a estes espectáculos é gratuíta ata completar aforo.