O alcalde de Catoira, Alberto García, e mailo tenente alcalde, Javier César, reuníronse esta mañá no Concello con representantes de CCOO para abordar o recorte de servizos de transporte ferroviario. Tras reducírense ao mínimo durante o estado de alarma, unha vez finalizado aínda non se recuperaron todos os servizos que había anteriormente.

A resposta de Renfe ás peticións e xestións levadas a cabo nos últimos meses tanto por CCOO como polo propio alcalde é a mesma: que a recuperación de servizos lévase a cabo en función da demanda. Así o expresou o representante institucional de Renfe Galicia nunha contestación a unha petición do Concello de Catoira presentada en xuño, indicando que “a recuperación da oferta está sendo progresiva e acorde ao fluxo real de viaxeiros”. Porén, non é posible comprobar a demanda de viaxeiros porque a maioría dos trens que paran en Catoira non levan persoal de intervención para comprobar e expedir os billetes.

CCOO e goberno de Catoira coinciden na necesidade de reivindicar un incremento de frecuencias, prezos máis accesibles, máis investimento en infraestruturas, en definitiva, un mellor ferrocarril público, social e sostible.

Tras este encontro, o alcalde comprometeuse a elaborar unha moción recollendo estas reivindicacións, para presentala no Pleno da Corporación.


Top