O Concello de Catoira está a desenvolver un proxecto de investigación, recuperación, produción de contidos e divulgación da historia local de Catoira, a través dos testemuños en lingua Galega de persoas protagonistas nos diversos eidos das actividades produtivas, culturais, sociais, comerciais, naturais, musicais e artísticas do concello.

O próximo venres 15 de outubro, ás 19 horas, no salón Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos, vai ser presentado este innovador proxecto de comunicación audiovisual coa participación do alcalde, Alberto García, o xestor do proxecto, Xan Leira, e parte da nosa veciñanza. Esta iniciativa procura, a través da gravación en vídeo de «historias de vida» das nosas veciñas e veciños, pór en valor a historia local de Catoira.

Invitaremos a participar deste evento e do proxecto en xeral ás veciñas e veciños que aparecen retratados nas fotografías do notable fotógrafo Francisco Buceta Gómez, máis coñecido como “Pasarín”, que o Concello ten en propiedade, coa intención de darlle maior visibilidade, tamén, a este importante legado documental: pasado e presente ao servizo do desenvolvemento deste importante e innovador proxecto para a recuperación da memoria local de Catoira.

O proxecto esta impulsado polo Concello de Catoira e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra. A produción está a ser levada a cabo por Memoria Documental de Galicia S.L.

Top