En novembro o alcalde de Catoira e a secretaria xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación e FP, asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha dunha Aula Mentor no municipio.

A aula estará situada nas instalacións da aula municipal de informática, a Aula CeMIT, ubicada na rúa do Concello, 14. Trátase dun espazo físico, orientado a facilitar o acceso e matrícula no programa de formación aberta Mentor, para persoas con dificultades no acceso a equipos e redes telemáticas.

Aula Mentor é un programa de formación non regulada a través de internet, flexible e con titorización personalizada, dirixido a persoas adultas maiores de 18 anos.  O programa ten como obxectivos: contribuír á mellora da cualificación profesional e formación cultural das persoas adultas, promover o desenvolvemento das súas capacidades e competencias no uso das TIC, e poñer á disposición da veciñanza unha oferta formativa de calidade e sensible ás necesidades do ámbito rural.

O Programa Aula Mentor conta cunha oferta formativa de máis de 200 cursos referenciados ao Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionales polo que existe a posibilidade de acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regulada a través dos Procedementos de Evaluación e Acreditación de Competencias. Ditos cursos abranguen diferentes áreas, como comercio, informática, hostalaría, finanzas, dependencia, igualdade, etc.  Tódolos cursos do Programa Aula Mentor contan cun acompañamento e titoría telemática personalizada, ademáis do apoio presencial que prestan os administradores de cada unha das aulas. Trátase de cursos de formación cunha duración de 30 a 50 horas lectivas impartidas ao longo de dous meses cun  custo da matrícula de 48 euros por curso.

A Aula Mentor estará activa  dende o mes de outubro e a formación pode seguirse desde o propio domicilio ou ben desde a Aula Mentor. Para obter máis información poden chamar ao teléfono da Aula Mentor 616842467 en horario de 9:30 a 14:00 horas, e poden consultar a oferta formativa de cursos na web oficial da Aula Mentor www.aulamentor.es.

Top