O Concello de Catoira puxo en marcha este verán un plan de mellora da sinalización horizontal e vertical na rede viaria do termo municipal co fin de garantir a seguridade das persoas usuarias. En concreto realizáronse tarefas de pintado e sinalización nas estradas de Catoira a Caldas de Reis, na de Dimo a Coaxe, en Gondar, en Portocanles e Goulle, en Oeste e nas rúas da Estación e do Concello.

Na estrada principal de Oeste, a EP-8702, decidiuse desprazar a liña central cara un lado para crear áreas de estacionamento en paralelo ó longo desta vía nas zonas con máis vivendas.

No centro urbano de Catoira pintáronse e sinalizáronse os pasos de peóns sobreelevados e as zonas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade, incorporando unha nova praza nas inmediacións da estación de ferrocarril. Tamén se crearon e sinalizaron pasos de peóns sobreelevados en Gondar.

Co fin de garantir unha mobilidade máis segura, colocáronse sinais de limitación de velocidade a 30 km/h en todas as vías de titularidade municipal, e de 20 km/h na estrada de Goulle.

Top