O Concello de Catoira informa que o Sergas convocou a un cribado este xoves, 15 de abril, ao alumnado de Primaria do CPI Progreso. Serán preto de 250 persoas -entre alumnado, profesorado e persoal- ás que se lles realizará un test no propio centro. Ademais, ante o incremento de contaxios rexistrados esta semana, pasando de 2 a 6 positivos, tamén se convoca para ese mesmo día a máis de 200 persoas, de entre 20 e 29 anos, a realizar unha proba de detección de COVID-19 no edifico do Concello.
O alcalde, Alberto García, mostra a súa preocupación por este notable incremento de contaxios e apela á responsabilidade cidadá no cumprimento da normativa establecida pola Xunta para a prevención de contaxios. Así mesmo, insta á poboación xuvenil convocada a acudir este xoves ao Multiusos e someterse ao cribado co fin de detectar posibles casos e evitar a propagación do virus.