O Goberno local de Catoira informou esta mañá da decisión de cancelar a Romaría Vikinga 2020.
Ante as normas ditadas pola Xunta de Galicia, que xeran unha grande incerteza en canto á posibilidade de celebrar, a partires do 1 de xullo, festas, verbenas e outros eventos populares, como o que se organiza todos os anos neste municipio de Catoira con ocasión da Romaría Vikinga, o Goberno de Catoira decidiu cancelar a celebración prevista para a primeira semana de agosto. A organización e programación dun evento desta natureza, no que participan milleiros de persoas, debe realizarse coa antelación suficiente para que se leve a cabo cunhas mínimas e esixibles medidas de seguridade e prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, polo que o lóxico e sensato é suspender este ano a celebración da citada Romaría Vikinga, decisión que o Goberno Municipal adopta polos motivos indicados e no exercicio dun esixible sentido da responsabilidade, xa que, por outra parte, o Concello de Catoira carece dos recursos económicos, materiais e persoais necesarios para facer cumprir as normas que se derivaran dun futuro protocolo de actuación para este tipo de actividades con grande afluencia de público.
Dado que este ano se conmemoraba o 60 a niversario da festa, e co fin de ofrecer unha programación simbólica ao público local, o Goberno está a traballar na organización de algúns pequenos eventos, con aforos moi reducidos.
As decisións tomadas xa lle foron comunicadas aos outros partidos políticos da Corporación. O Partido Popular mostrou a súa conformidade e apoio a estas medidas.