A Consellería do Medio Rural ditou hoxe unha resolución pola que se levanta, a partires do vindeiro luns 11 de maio, a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos decretada desde o pasado 16 de marzo. Así, a partir da vindeira semana xa se poderán realizar de novo as comunicacións de queimas en terreos agrícolas e solicitar as autorizacións para terreos forestais, trámites que permanecían ata o de agora en suspenso a causa do estado de alarma.
Para iniciar a tramitación, e en tanto non estean abertas ao público as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías, ou ben chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática a través do enderezo web: https://queimasweb.xunta.gal
Respecto das autorizacións e as comunicacións xa efectuadas que quedaron sen efecto por mor da suspensión, cómpre que os interesados soliciten unha nova autorización ou realicen unha nova comunicación.