O Goberno local convocou esta mañá unha reunión no Concello para incrementar as medidas de seguridade na prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Na reunión participou persoal sanitario do centro de saúde, do departamento de Benestar Social do Concello e o persoal que traballa no SAF, un total de 18 persoas.
Este encontro serviu para reforzar as instrucións relativas ás medidas de seguridade que deben seguir as traballadoras durante a prestación do servizo, especialmente as referidas ao manexo dos equipos de protección (máscaras, guantes, roupa, desinfectantes..), así como á xestión dos residuos xerados polas/os usuarias/os do servizo, sobre todo no caso de traballar con persoas infectadas polo coronavirus.
O Concello entregou ao persoal do SAF máscaras destinadas ás persoas usuarias do servizo e destacouse a importancia de asesoralas sobre o uso das mesmas. O persoal do SAF conta cos equipos propios proporcionados pola empresa concesionaria.