O Concello de Catoira acaba de publicar as bases que rexen o servizo de contratación da dirección e docencia na Escola Municipal de Teatro para o ano 2020.

A prestación do servizo obxecto de contratación refírese á execución das actividades da Escola de Teatro que se contemplan nas bases, que inclúen un mínimo de 250 horas de actividade docente e a preparación e representación de obras dramáticas, incluída a semana de teatro da Romaría Vikinga.

Mediante este proceso preténdese outorgar a regulación legal pertinente, fixar o soporte económico e levar a cabo unha contratación transparente da ou das persoas que van desenvolver a actividade. Isto, con toda seguridade, levará aparellada unha mellora substancial da actividade, unha seguridade e unha continuidade do proxecto das que carecía ata agora, que finalmente lle outorgarán unha mellora de calidade á propia actividade teatral desenvolvida ao longo do ano e ás distintas actividades que serán realizadas puntualmente, segundo se fai constar nas condicións do contrato, permitindo definitivamente regular unha actividade que se estivo facendo ata o de agora sen ningún amparo legal nin estrutural.

Co fin de garantir a calidade do servizo, para a adxudicación do contrato valórase especialmente a proposta técnica de desenvolvemento do servizo e a formación e experiencia da/s persoa/s aspirantes.

O orzamento para a contratación do servizo ascende a 10.000 euros. As persoas ou entidades interesadas teñen de prazo ata o día 20 de decembro para presentar as súas propostas. As bases poden consultarse na sede electrónica do Concello de Catoira.

https://catoira.sedelectronica.gal/board/975040b6-f59b-11de-b600-00237da12c6a/

 

Top

Edificio Multiusos Rúa do Concello, 1 36612, Catoira (Pontevedra)

Tf. 986 54 60 14

concello.catoira@eidolocal.es