O Concello de Catoira inaugura a temporada cultural de outono esta tarde coa actuación teatral infantil “Contos do recreo”, a cargo de Redrum Teatro. Esta será a primeira dunha ampla programación na que terá especial protagonismo o público infantil e familiar.

“Contos do recreo” represéntase este venres 21 de setembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. Continuando a temática de acoso escolar iniciada con “A Nena Que Quería Navegar” Redrum Teatro presenta esta fascinante historia inspirada libremente en “Conto de Nadal” de Charles Dickens. Nesta ocasión a protagonista é Alicia, unha rapaza que goza facéndolle a vida imposible ás súas compañeiras, e que se verá inmersa nunha aventura que a cambiará para sempre. A entrada é de balde ata completar aforo.

O sábado 29 ás 19:30 horas chega a maxia ao auditorio cun espectáculo de Fani Triana. Esta función, que forma parte do programa Cultura no Camiño, será tamén de balde ata completar aforo.

O sábado 6 de outubro ás 18:00 horas a “Radio BuleBule” de Paco Nogueiras soará na Biblioteca Municipal. Será unha divertida e animada sesión baseada no libro-disco-dvd deste artista que fascina tanto a pequenos como a maiores.

Na fin de semana do Pilar chegan ao Auditorio dous exitosos musicais. O sábado 13 ás 18:00 horas é o turno do tributo musical “Luna. Sobre ruedas”, da compañía On Beat, un musical baseado na famosa serie de Disney Channel. O show inclúe cancións pegadizas, unha máxica posta en escena e espectaculares números de baile.

Tras o seu éxito en Madrid, o domingo 14 estará no Auditorio de Catoira “Peter Pan, un musical muy especial”, un divertido espectáculo para toda a familia. Trátase dun proxecto teatral, educativo e social, que ten a misión de converterse nun espectáculo inclusivo, no que participan algúns artistas con discapacidade intelectual. A función será ás 17:00 horas. As entradas poden adquirirse en Ataquilla.

O sábado 20 de outubro ás 18:00 horas actuará na Biblioteca o Mago Bugarín, co espectáculo “Mundo máxico 3.0”. Esta función forma parte do programa Ler Conta Moito. Esa mesma tarde, ás 19:00 horas, vaise proxectar no Auditorio un vídeo editado do Follow the Vikings Roadshow. A asistencia a ambos eventos é gratuíta ata completar aforo.

O sábado 27 de outubro, entrando xa na semana do Samaín, haberá un contacontos na Biblioteca a cargo de Carmen Domech chamado “Contos para pasalo de medo”. Será a partir das 18:00 horas, e gratuíto.

Como cada ano, na tardiña do 31 de outubro celébrase a Procesión de Caveiras, acompañada da Banda de Música de Catoira, e que remata no Pavillón Municipal de Deportes cun magosto e degustación de doces.

Da programación de novembro pódese adiantar tamén outro exitoso musical que chegará ao Auditorio o día 17 ás 17:00 horas. “La Sirenita, una aventura ecológica” é un gran musical producido por Candileja Producciones para toda a familia onde os personaxes que creou o escritor Hans Christian Andersen cóntannos esta divertida aventura que vai desde o mar ata a Terra aportando valores como o amor pola natureza e a importancia do seu coidado mediante a reciclaxe.

Toda a programación cultural pode consultarse na web e nas redes sociais do Concello.

Top