ALUMNADO DE CULTURA CIENTÍFICA DO IES DE TEIS (VIGO) ESTUDA O MEDIO AMBIENTE DE CATOIRA
O pasado mércores 18 de abril, un grupo de mozos e mozas do IES de Teis, acompañados pola súa profesora, Alicia López, estiveron de visita por puntos emblemáticos do patrimonio natural do Concello de Catoira : Muíños de vento, a lagoa de Pedras Miudas, as Torres de Oeste, os arredores das Lombas, onde se fixeron as prospeccións de augas minero-medicinais, e os depósitos sedimentarios antigos das Barreiras, perfectamente transitables e accesibles grazas aos labores de limpeza feitos polo Concello ex profeso para esta visita.
O obxectivo: facer inspección ambiental por un día. Como bo equipo investigador, tomaron datos sobre os recursos que se explotaban na zona, os riscos naturais máis frecuentes e os posibles impactos que poderían chegar a darse. Durante as seguintes semanas seguirán traballando sobre o estudado, ata redactar un informe final coas súas fotos e observacións.
Con esta visita, xa van 15 edicións nas que o departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES de Teis leva aproveitando as posibilidades didácticas que ten a contorna, e gozando sempre das facilidades e colaboración do Concello de Catoira.

Top