Catoira, 4 de abril de 2018

Dúas educadoras do museo Jorvik (York) impartirán o vindeiro luns 9 e o martes 10 de abril accións formativas sobre os viquingos a alumnado de ESO do CPI Progreso de Catoira. Esta actividade está integrada no proxecto Follow the Vikings, como acción complementaria do roadshow que acollerá Catoira este verán.

Durante os dous días organízanse dous grupos de traballo entre o alumnado de 3º e 4º de ESO, nos que se impartirán charlas, obradoiros e xogos sobre a vida dos viquingos, a mitoloxía e os restos arqueolóxicos. Para iso, as educadoras de York Archaeological Trust-Jorvik traerán réplicas de obxectos procedentes do museo que o alumnado poderá manipular. Esta actividade serve tamén para establecer sinerxias co proxecto Erasmus+, no que está a participar o colexio, e que permitirá levar a cabo un intercambio de 15 estudantes de ESO nas vindeiras semanas co colexio La Salle de Dundalk (Irlanda).

Por outra parte, o alcalde e técnicos do Concello de Catoira asistiron a pasada Semana Santa aos preparativos, ensaios e posta en escena do roadshow “Follow the Vikings”, que se celebrou en Dublín o sábado 31 de marzo. Este impactante espectáculo, que combina teatro, música, danza e proxeccións audiovisuais, chegará a Catoira os días 2 e 3 de agosto, coincidindo coa semana da Romaría Vikinga.

O proxecto “Follow the Vikings”, de 4 anos de duración, está cofinanciado pola UE. En conxunto, persegue a divulgación e posta en valor do patrimonio e cultura dos viquingos, facilitar a accesibilidade e comprensión do seu legado a nivel internacional e, desde xeito, manter e estimular a economía e o desenvolvemento das zonas participantes, así como o seu posicionamento como principal destino turístico.

Top

Edificio Multiusos Rúa do Concello, 1 36612, Catoira (Pontevedra)

Tf. 986 54 60 14

concello.catoira@eidolocal.es