Cúmprese o prazo de execución das obras do campo de fútbol das Lombas

O alcalde de Catoira, Alberto García, anuncia que, grazas á axilidade na execución das obras de reforma do campo de fútbol municipal As Lombas, as renovadas instalacións estarán listas para a súa utilización dentro dun mes.

A empresa Sport Equipalia, adxudicataria deste proxecto, foi a encargada de levar a cabo as seguintes actuacións:

a) Terreo de xogo: substitución do céspede do recinto de xogo, colocando un novo céspede artificial en lugar do existente.

Desmonte e retirada de céspede artificial existente extraendo o recheo de area e o granulado de caucho. Posteriormente procedeuse á nivelación, regularización e limpeza da base de aglomerado existente, para logo instalar un sistema de céspede artificial de última xeración para a práctica de fútbol 11 e fútbol 7, con marcaxe das liñas de xogo. O proxecto tamén contemplaba a limpeza, reparación e/ou substitución dos canlóns perimetrais de drenaxe.

b) Bancada: substitución da cuberta da bancada, renovación de varandas en mal estado e reposición de asentos danados.

Colocouse unha cuberta de ferros de aceiro galvanizado, lacado con resinas plásticas, con acabado de poliéster siliconado.

c) Vestiarios: Reforma e acondicionamento de vestiarios, con supresión de barreiras arquitectónicas.

Melloráronse as características térmicas dos vestiarios, mediante un sistema de illamento térmico exterior nos paramentos e un illamento de la mineral sobre o forxado.

Renovouse a instalación de fontanería e substituíronse as portas.

Co fin de mellorar a accesibilidade eliminouse o desnivel entre o interior e o exterior mediante unha rampla.

A empresa adxudicataria incluíu ademais na súa oferta dúas melloras: a substitución do portal de acceso ao campo e a substitución e mellora dos grupos de presión de auga e das tubaxes de aspiración e impulsión.

O orzamento total de execución das obras ascendeu á cantidade de 236.143,60 euros e contaba cun prazo de execución de 3 meses.

Este proxecto contou cunha subvención da Xunta de Galicia, que foi solicitada por Alberto García con data do 7 de agosto de 2020, e que se formalizou mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades o día 4 de novembro de 2020.

O Concello de Catoira realiza actuacións de mellora da sinalización en distintas estradas

O Concello de Catoira puxo en marcha este verán un plan de mellora da sinalización horizontal e vertical na rede viaria do termo municipal co fin de garantir a seguridade das persoas usuarias. En concreto realizáronse tarefas de pintado e sinalización nas estradas de Catoira a Caldas de Reis, na de Dimo a Coaxe, en Gondar, en Portocanles e Goulle, en Oeste e nas rúas da Estación e do Concello.

Na estrada principal de Oeste, a EP-8702, decidiuse desprazar a liña central cara un lado para crear áreas de estacionamento en paralelo ó longo desta vía nas zonas con máis vivendas.

No centro urbano de Catoira pintáronse e sinalizáronse os pasos de peóns sobreelevados e as zonas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade, incorporando unha nova praza nas inmediacións da estación de ferrocarril. Tamén se crearon e sinalizaron pasos de peóns sobreelevados en Gondar.

Co fin de garantir unha mobilidade máis segura, colocáronse sinais de limitación de velocidade a 30 km/h en todas as vías de titularidade municipal, e de 20 km/h na estrada de Goulle.

Catoira acolle a presentación do libro “La Mujer y la Mar”

O mércores 11 de agosto ás 12:00 h preséntase no Concello de Catoira (Sala Celso Emilio Ferreiro) o libro “La Mujer y la Mar”, o resultado dun fermoso proxecto no que se fusionan a fotografía, a paixón polo mar e a promoción da igualdade a través da visibilización das mulleres vinculadas a el dalgún xeito.

O proxecto foi  levado a cabo por Laura Prego e Raimon Moreno, dous fotógrafos que durante unha década tomaron imaxes en diferentes lugares da costa, entre eles a Romaría Vikinga de Catoira. Por este motivo, o alcalde, Alberto García,  decidiu colaborar cunha achega de 300 euros na campaña de micromecenazgo mediante a que se financiou a edición impresa deste “caderno de bitácora”.

Inscrición para tripulación dos barcos viquingos

O martes 13 de xullo ábrese o prazo para inscribirse como tripulación das seis embarcacións viquingas que participarán o día 1 de agosto nun ascenso e descenso polo río Ulla desde a Praia Fluvial ata a Illa Castrivello. NON HABERÁ DESEMBARCO NAS TORRES.

  • REQUISITOS: Ser maior de idade e aceptar as normas establecidas pola Dirección General de la Marina Mercante do Ministerio de Fomento.
  • PRAZAS: Haberá 36 prazas, distribuídas en 6 embarcacións. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
  • INSCRICIÓN: O formulario de inscrición deberá presentarse no Rexistro do Concello, presencialmente ou a través da sede electrónica. O documento poderá descargarse da sede electrónica (sección Anuncios).
  • DOCUMENTACIÓN: Fotocopia do DNI e formulario de inscrición cuberto e asinado.
  • PRAZO: Do 13 de xullo ata o 23 de xullo de 2021.

O formulario de inscrición estará dispoñible na seguinte ligazón:

https://catoira.sedelectronica.gal/board/975040b6-f59b-11de-b600-00237da12c6a/

Para a tramitación a través da sede electrónica deberán descargar o formulario, cubrir os datos e asinalo. Logo deberán presentalo a través do procedemento “Instancia xeral”, adxuntando o formulario e maila copia do DNI. NON SERÁN ADMITIDAS AS SOLICITUDES PRESENTADAS ANTES DO MARTES 13 DE XULLO.

ROMARÍA VIKINGA 2021

RESERVA DE ENTRADAS NA SECCIÓN “AXENDA”

A próxima Romaría Vikinga, igual que sucedeu o ano pasado, será diferente ás edicións previas á pandemia. Respectando todas as medidas sanitarias e seguindo os protocolos establecidos, o alcalde, Alberto García, deseñou unha programación que aposta polo talento local.

Os actos comezan o domingo 25 de xullo cun concerto de Roi Casal, a partir das 21:30 horas, no recinto das Torres de Oeste.

A Escola Municipal “Úrsula” Teatro de Catoira representará a obra “El-Rei Snie” no recinto das Torres os días 27, 28 e 29 de xullo a partir das 22:00 horas. Trátase dunha adaptación da primeira peza que o grupo danés Vikingespil representou neste singular escenario no ano 1993, e que foi o xerme da Semana de Teatro Romaría Vikinga.

O venres 30 de xullo a Alameda do Peirao acolle o “Valhalla Music Fest”, un festival de música organizado por LuxcoFuxco Eventos, cun cartel que inclúe destacados nomes do panorama musical actual como Danny Romero, Lennis Rodríguez ou Dasoul. A venda de entradas para este evento será a través da plataforma woutick.es

O grupo referente da música tradicional galega, Milladoiro, ofrecerá un concerto o sábado 31 de xullo a partir das 22:00 horas, nun escenario situado diante da Casa do Concello. A formación, integrada maioritariamente por músicos catoirenses, fará un percorrido pola súa traxectoria musical nunha actuación que forma parte do programa Musigal, da Deputación de Pontevedra.

A tarde do sábado e o domingo 1 pola mañá haberá un pasarrúas de Troula, “O Séquito Vikingo”, pola Rúa da Estación, con percusión e zancudos.

O domingo 1 de agosto, día grande da Romaría Vikinga, non haberá desembarco ao pé das Torres de Oeste, pero si que poderemos ver a incursión dunha frota viquinga que se adentrará nas augas do río Ulla ata a Illa de Castrivello. Simultaneamente, o músico catoirense Baiuca actuará no escenario das Torres dentro dun programa presentado por Ismael Sobrino, “O Chuso”, e que será retransmitido online a través das redes sociais do Concello, incluíndo tomas aéreas das embarcacións. Este evento comezará ás 12:30 horas.

A asistencia a todos os eventos –agás o festival Valhalla- será gratuíta, pero con reserva previa de entrada, que poderá realizarse a través da web catoira.gal (sección Axenda) ou na Biblioteca Municipal. O aforo para as actividades organizadas polo Concello limítase a 300 persoas.

Catoira acolle a exposición “Os camiños de Carlos Casares”, con fotos de Xurxo Lobato

A sala de exposicións Luis Seoane (Edificio Multiusos) acolle a partir do 1 de xullo unha exposición fotográfica centrada en “Os Camiños de Carlos Casares”.

Trátase dunha colección de 40 fotografías de Xurxo Lobato inspiradas en textos de Casares sobre o Camiño de Santiago e, de modo máis amplo, sobre a experiencia da viaxe.

Xurxo Lobato é membro da Academia Galega de Belas Artes, premio Artes Plásticas Cultura Galega 2020, e premio Ortega y Gasset de El País, 2003.

A Fundación Carlos Casares é a impulsora deste proxecto, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Catoira.

A mostra inaugúrase o vindeiro xoves 1 de xullo ás 12.00h e poderá visitarse ata o 15 de xullo de luns a venres en horario de 9:00 a 14 horas.

Top