O CONCELLO PON A PUNTO AS INSTALACIÓNS DO COLEXIO PROGRESO

O concello de Catoira pon a punto as instalacións do colexio Progreso, que estarán listas para o comezo do curso.

O CONCELLO CONTINÚA CO MANTEMENTO DE FONTES E LAVADOIROS

O concello de Catoira continúa co mantemento e arranxo das fontes e lavadoiros do termo municipal.

Sustitución e arranxo dos canos de fonte Mosteira (San salvador)

Roza de maleza na contorna dos lavadoiros.

O CACTO recibe unha gran acollida por parte das/os visitantes

Tras tres semanas de apertura ao público, o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO), está a superar as expectativas en canto ao número de visitas e valoracións. Neste período, as instalacións expositivas recibiron a visita de mais de 500 persoas.

As persoas que se achegan ao centro aprecian especialmente a posibilidade de coñecer cómo se desenvolve a Romaría Vikinga. A visita permite un achegamento á pegada dos pobos nórdicos e á Romaría que se celebra cada verán en Catoira, como festa de interese turístico internacional, cunha videoprodución de grande formato no soto, que permite revivir o desembarco viquingo en primeira persoa.

O Cacto naceu como centro de interpretación de Torres de Oeste. Un achegamento á historia deste enclave: unha insua na desembocadura do río Ulla que constituíu a porta de acceso e fronteira de protección desde o océano cara ó interior de Galicia e as terras de Compostela “Torres de Oeste, chave e selo de Galicia”.

Con esta mirada faise un percorrido desde a pegada da prehistoria na contorna, os primitivos tráficos comerciais marítimos na cultura castrexa e continuados durante o Imperio Romano, cando xa atopamos a identificación de “Turris Augusti” na desembocadura do río Ulla. Na alta idade media o enclave cobrou un novo protagonismo, coa reconstrución e reforzo da fortificación, nomeada xa como “Castellum Honesti”, para facer fronte ás incursións das novas ameazas chegadas desde o mar: os “homes do norte” na procura de riquezas en Jakobusland -como chamaban a Galicia-. Máis aló da etapa de incursións viquingas, as costas galegas sufriron o asolagamento de piratas almorábides achegados por mar desde o sur da península. Neste contexto xurde a figura de Diego Xelmírez, que viviu de neno no propio castelo de Torres de Oeste, e que logo, xa como arcebispo de Santiago, deu un pulo ás defensas da ría de Arousa, no propio Castelo de Oeste, e promoveu a construción, nos estaleiros do río Ulla, da primeira flota de galeras dos reinos cristiáns da Península Ibérica, para defender e combater con éxito as incursións nas costas das rías galegas.

O centro conta con paneis informativos, exhibición de réplicas que contextualizan diferentes etapas da historia das Torres, e varias unidades audiovisuais que permiten afondar de xeito interactivo e inmersivo nos contidos da exposición. No andar superior atópase un espazo para actividade cultural dedicado a presentacións e talleres para visitas escolares. Namentres, aprovéitase dito espazo como extensión expositiva cunha ollada ao patrimonio cultural do Concello de Catoira.

A NOVA OFICINA DE CORREOS FACILITA AS XESTIÓNS DA VECIÑANZA DE CATOIRA

O alcalde de Catoira, Alberto García, valora de forma moi positiva a apertura da nova oficina de Correos nas instalacións da Casa de Cultura.

A informatización da oficina permite prestar en mellores condicións o Servizo Postal Universal, incluíndo o envío e recepción de cartas, postais e paquetes, xiros, así como outros servizos complementarios. Desta maneira a veciñanza de Catoira non ten a necesidade de desprazarse a Vilagarcía, como sucedía previamente. Ademais, destes servizos non só se beneficia a poboación de Catoira, senón tamén de zonas limítrofes como Isorna, Cordeiro, Vilar ou Bamio.

A nova oficina de atención ao público de Correos ocupa unha superficie de 58 m2 da antiga biblioteca, quedando outros 120 m2 dispoñibles para as actividades que se viñan realizando nestas instalacións.

Cúmprese o prazo de execución das obras do campo de fútbol das Lombas

O alcalde de Catoira, Alberto García, anuncia que, grazas á axilidade na execución das obras de reforma do campo de fútbol municipal As Lombas, as renovadas instalacións estarán listas para a súa utilización dentro dun mes.

A empresa Sport Equipalia, adxudicataria deste proxecto, foi a encargada de levar a cabo as seguintes actuacións:

a) Terreo de xogo: substitución do céspede do recinto de xogo, colocando un novo céspede artificial en lugar do existente.

Desmonte e retirada de céspede artificial existente extraendo o recheo de area e o granulado de caucho. Posteriormente procedeuse á nivelación, regularización e limpeza da base de aglomerado existente, para logo instalar un sistema de céspede artificial de última xeración para a práctica de fútbol 11 e fútbol 7, con marcaxe das liñas de xogo. O proxecto tamén contemplaba a limpeza, reparación e/ou substitución dos canlóns perimetrais de drenaxe.

b) Bancada: substitución da cuberta da bancada, renovación de varandas en mal estado e reposición de asentos danados.

Colocouse unha cuberta de ferros de aceiro galvanizado, lacado con resinas plásticas, con acabado de poliéster siliconado.

c) Vestiarios: Reforma e acondicionamento de vestiarios, con supresión de barreiras arquitectónicas.

Melloráronse as características térmicas dos vestiarios, mediante un sistema de illamento térmico exterior nos paramentos e un illamento de la mineral sobre o forxado.

Renovouse a instalación de fontanería e substituíronse as portas.

Co fin de mellorar a accesibilidade eliminouse o desnivel entre o interior e o exterior mediante unha rampla.

A empresa adxudicataria incluíu ademais na súa oferta dúas melloras: a substitución do portal de acceso ao campo e a substitución e mellora dos grupos de presión de auga e das tubaxes de aspiración e impulsión.

O orzamento total de execución das obras ascendeu á cantidade de 236.143,60 euros e contaba cun prazo de execución de 3 meses.

Este proxecto contou cunha subvención da Xunta de Galicia, que foi solicitada por Alberto García con data do 7 de agosto de 2020, e que se formalizou mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades o día 4 de novembro de 2020.

O Concello de Catoira realiza actuacións de mellora da sinalización en distintas estradas

O Concello de Catoira puxo en marcha este verán un plan de mellora da sinalización horizontal e vertical na rede viaria do termo municipal co fin de garantir a seguridade das persoas usuarias. En concreto realizáronse tarefas de pintado e sinalización nas estradas de Catoira a Caldas de Reis, na de Dimo a Coaxe, en Gondar, en Portocanles e Goulle, en Oeste e nas rúas da Estación e do Concello.

Na estrada principal de Oeste, a EP-8702, decidiuse desprazar a liña central cara un lado para crear áreas de estacionamento en paralelo ó longo desta vía nas zonas con máis vivendas.

No centro urbano de Catoira pintáronse e sinalizáronse os pasos de peóns sobreelevados e as zonas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade, incorporando unha nova praza nas inmediacións da estación de ferrocarril. Tamén se crearon e sinalizaron pasos de peóns sobreelevados en Gondar.

Co fin de garantir unha mobilidade máis segura, colocáronse sinais de limitación de velocidade a 30 km/h en todas as vías de titularidade municipal, e de 20 km/h na estrada de Goulle.

Top