CONVOCATORIA DE CURSOS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS CELGA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística oferta unha serie de cursos preparatorios para a obtención dos certificados Celga (Celga 1, 2, 3 e 4). Podes inscribirte de maneira gratuíta, creando previamente unha conta (https://formacion-lingua.xunta.gal/login/signup.php?), ata o vindeiro 7 de marzo na Plataforma de Teleformación (https://formacion-lingua.xunta.gal/?redirect=0).

As modalidades dos cursos son:
  • Telemáticas: Os cursos poderán seguirse a través de internet dende a Aula CeMIT do Concello.
  • Presenciais: Neste caso terán lugar entre o 21 de marzo e o 12 de maio e as prazas adxudicaranse por sorteo público o 14 de marzo.
NOTA: Tanto as incricións como o seguemento dos cursos telemáticos poderán realizarse na Aula CeMIT no seguinte horario:
  • LUNS- MÉRCORES: 09:30 -14:00 h.
  • MARTES-XOVES: 17:00 -20:00 h.
  • VENRES: 09:30 -13.30h.
Poden consultar toda a información na Resolución do DOG nº 30 de 14/02/2022:

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN AO CONCELLO DE CATOIRA PARA A SINALIZACIÓN E POSTA EN VALOR DOS PETRÓGLIFOS DE PEDRAS MINAS

A Deputación Provincial de Pontevedra, ven de conceder ao Concello de Catoira, ao abeiro das bases reguladoras e convocatoria de subvención para “A SUPRESIÓN DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA NOS ESPAZOS PÚBLICOS E A REHABILITACIÓN E SINALIZACIÓN DO PATRIMONIO HISTÓRICO-CULTURAL DIRIXIDAS AOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA O ANO 2021”, unha subvención por importe de 5.898,50 € para a execución da actuación denominada “SINALIZACIÓN E POSTA EN VALOR DOS PETRÓGLIFOS DE PEDRAS MINAS”, cun orzamento de cinco mil novecentos oitenta e nove euros con cincuenta céntimos (5.989,50 €), IVE incluído.

A subvención foi acordada na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, na sesión do 10 de decembro de 2021, e notificada ao Concello de Catoira, con data do 16 de decembro de 2021.

De seguido procederase a tramitar o oportuno expediente de contratación para que a actuación poida atoparse executada na súa totalidade antes do 15 de setembro de 2022.

APROBACIÓN DA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO PARA O ANO 2022

Conforme ao disposto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto do Empregado Público, procédese á publicación da Oferta de Emprego Público do Concello de Catoira para 2022, aprobada por Resolución da Alcaldía-Presidencia de data 31 do pasado mes de xaneiro:

a) Persoal laboral fixo: Peón de servizos varios.

Número de vacantes: 1.

Categoría: 5.

Quenda de acceso: Concurso-oposición libre.

b) Persoal laboral fixo a tempo parcial: Auxiliar administrativo.

Número de vacantes: 1.

Categoría: 4.

Quenda de acceso: Concurso oposición (art. 2, Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público).

O que se fai público para xeral coñecemento.

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONFIRMA A CONCESIÓN DUNHA SUBVENCIÓN DE 381.851 EUROS PARA A CASA DAS ARTES

A Deputación de Pontevedra comunicou ó Concello de Catoira a concesión dunha subvención por importe de 381.851,13 euros, ao abeiro do programa REACPON, para a rehabilitación da antiga casa consistorial para convertela nunha Casa das Artes.

O proxecto deseñado polo Goberno local permitirá recuperar un edificio emblemático na localidade, cunhas instalacións en decadencia continua tras o traslado das oficinas municipais, para convertelo na sede das escolas municipais de gaita e danza, de música, de teatro e de artes plásticas, actividades que se viñan desenvolvendo en espazos  disgregados e improvisados, en ocasións ao aire libre, outras en naves industriais ou en edificios municipais que non cobren as necesidades das entidades.

Un das actuacións primordiais é a eliminación das barreiras arquitectónicas. Actualmente o edificio conta con moitos niveis, o que complica en gran medida a mobilidade de persoas con discapacidade. Por este motivo, a primeira das medidas que se contempla é a de eliminar as barreiras da planta baixa, de forma que toda ela estea conectada con itinerarios accesibles, e a dotación de aseos, un deles accesible. En resumo, convértese un edificio con múltiples obstáculos nun edificio accesible e cunha mobilidade cómoda entre os seus espazos.

Outra das actuacións importantes céntrase na mellora da eficiencia enerxética das instalacións. Para iso vaise mellorar a envolvente térmica (paramentos exteriores, cuberta e xanelas), incorpóranse sistemas renovables de climatización e produción de auga quente sanitaria, e procederase á instalación de paneis fotovoltaicos en cuberta, coa intención de cubrir a totalidade de demanda enerxética do edificio, buscando eliminar completamente as súas emisións de CO2.

A distribución do edificio contempla dous espazos. Créase un espazo único como salón polivalente, onde se levarán a cabo as actividades das escolas. Deséñase cun tabique móbil na división actual que permitirá delimitar os espazos en función das necesidades. No edificio orixinal mantéñense os espazos de servizo (almacenaxe e aseos) das plantas soto e baixo cuberta.      A planta baixa déixase diáfana, como espazo de descanso e espera. Na planta primeira habilítase un espazo aberto como zona de estudo e tecnoloxía.

A achega da Deputación sufragará o 85% do proxecto, que conta cun orzamento total de 449.248,80 euros. Agora procederase a tramitar o oportuno expediente de contratación para que as obras poidan atoparse executadas na súa totalidade antes do 30 de abril de 2023.

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN AO CONCELLO DE CATOIRA PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL

A Deputación Provincial de Pontevedra, ven de conceder ao Concello de Catoira, ao abeiro das bases reguladoras e convocatoria do “PLAN DE OBRAS E SERVIZOS (PLAN CONCELLOS) 2022-23”, liña 3: Emprego para conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, unha subvención por importe de 93.373,02 €, para a contratación de 12 traballadores.

A subvención foi concedida mediante acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 28 de xaneiro de 2022, e comunicada á administración municipal con data do 31 de xaneiro de 2022.

De seguido procederase a tramitar os oportunos expedientes de selección de persoal.

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN DE 381.851,13€ AO CONCELLO DE CATOIRA PARA A REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL COMO CASA DAS ARTES

A Deputación Provincial de Pontevedra, ven de conceder ao Concello de Catoira, ao abeiro das bases reguladoras e convocatoria do “PROGRAMA PROVINCIAL DE INFRAESTRUTURAS E DOTACIÓNS SINGULARES PARA A RECUPERACIÓN POSTCOVID- 19. PROGRAMA REACPON (REACCIONA PONTEVEDRA PROVINCIA)”, unha subvención por importe de 381.851,13 € para a execución do investimento “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES”, cun orzamento de execución por contrata de catrocentos corenta e nove mil douscentos corenta e oito euros con oitenta céntimos (449.248,80 €), IVE incluído.

A subvención quedou formalizada mediante un Convenio de Colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Catoira, asinado con data do 11 de xaneiro de 2022.

De seguido procederase a tramitar o oportuno expediente de contratación para que a obra poida atoparse executada na súa totalidade antes do 30 de abril de 2023.

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN DE 67.397,67€ AO CONCELLO DE CATOIRA PARA A REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL COMO CASA DAS ARTES

A Deputación Provincial de Pontevedra, ven de conceder ao Concello de Catoira, ao abeiro das bases reguladoras e convocatoria do “PLAN DE OBRAS E SERVIZOS (PLAN CONCELLOS) 2022-23”, liña 1, unha subvención de 67.397,67 €, con destino ao financiamento da achega municipal ao Convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Catoira para a execución da actuación denominada “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES” cun orzamento que ascende a 449.248,80 €

A subvención foi concedida mediante acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 28 de xaneiro de 2022, e comunicada á administración municipal con data do 31 de xaneiro de 2022.

De seguido procederase a tramitar o oportuno expediente de contratación para que a obra, poida atoparse executada na súa totalidade antes do 30 de abril de 2023.

 

O ALCALDE DE CATOIRA ASISTE EN MADRID A UN ENCONTRO SOBRE OS ITINERARIOS CULTURAIS DO CONSELLO DE EUROPA

O alcalde de Catoira, Alberto García, asistiu este martes, 18 de xaneiro, ao encontro “Itinerarios Culturales: fortalecimiento, consolidación, difusión y alianzas”, celebrado na sede do Ministerio de Cultura en Madrid.

Neste encontro de xestores e iniciativas en España participaron representantes de entidades e/ou asociacións xestoras de cada Itinerario Cultural no que ten presenza España, así como outros profesionais vinculados na materia, promovendo así a interacción, a colaboración e o coñecemento entre axentes implicados.

Dada a vinculación do Concello de Catoira co Itinerario Cultural Ruta dos Viquingos, o alcalde foi convidado a expoñer nesta xornada a experiencia deste municipio como membro da Destination Viking Association, así como sobre a súa participación no proxecto Follow the Vikings e a organización do roadshow que acolleu Catoira en agosto de 2018.

O obxectivo da reunión era xerar unha xornada de traballo conxunto onde se abordaron aspectos como a difusión e visibilidade dos Itinerarios Culturais no contexto español, a extensión de Itinerarios ao ámbito Iberoamericano, a promoción de alianzas ou a Rede de Universidades de Estudos de Itinerarios Culturais, entre outras temáticas, constituíndo así un espazo de debate e reflexión, un intercambio de experiencias e boas prácticas dentro do contexto nacional e incidindo na cooperación interinstitucional sobre o tema dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa.

Eladio Fernández-Galiano, asesor especial do Programa Itinerarios Culturais do Consello de Europa; Alberto García, alcalde de Catoira; Stefano Dominioni, secretario executivo do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa

CONCELLO E DEPUTACIÓN ASINAN UN CONVENIO PARA REHABILITAR A ANTIGA CASA CONSISTORIAL E CONVERTELA NA CASA DAS ARTES

Concello e Deputación asinaron hoxe un convenio de colaboración para a rehabilitación da antiga casa consistorial de Catoira e convertela na Casa das Artes por un total de case 450.000€ dos cales o Concello achegará 67.397€.
Será accesible, descarbonizado e contará cun gran salón cun tabique móbil para delimitar os espazos segundo conveña en cada momento.
A Escola de Música, a de Teatro, ou as actividades de artes plásticas disporán dunhas instalacións comúns e dignas.
Top