O Concello contratará 9 traballadoras/es ao abeiro do Plan Máis Provincia

O Concello de Catoira, ao abeiro do PLAN MÁIS PROVINCIA 2024 da Deputación de Pontevedra,
realizará durante o ano 2024 a contratación laboral de 9 traballadoras/es, a tempo parcial
durante 7 meses, inscritas/os como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego
de Galicia. Pódese ver o anuncio completo na seguinte ligazón:

ANUNCIO PLAN MAIS PROVINCIA LIÑA 3. EMPREGO

 

Convócase unha reunión para avanzar no proceso da concentración parcelaria

Este mércores, 21 de febreiro, celebrouse no Concello unha reunión entre os membros da Xunta Local da concentración parcelaria e o alcalde, Xoán Castaño, coa xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, María José Pérez Gil, persoal do servizo de asesoría xurídica e persoal representante e técnico da empresa SEAGA e da Xunta de Galicia. Tras dúas horas de reunión, concluíuse:
Zona Norte:
1. Completar os recursos de alzada.
2. Comezar co levantamento topográfico e catastral, que afecta ao 30% do terreo, e que contará cun investimento de 82.000 euros.
3. Para 2025 a Xunta asume o compromiso de contratar o acordo de elaboración das novas fincas.
Zona Sur:
1. Continuarán cos traballos de levantamento, baseados fundamentalmente sobre elementos físicos (muros, ríos, estradas, etc.), e que se prevé estean finalizados este ano.
2. Faranse exposicións públicas parciais dos planos de levantamento.
3. A Xunta asume o compromiso en 2025 da elaboración das bases e identificación das propiedades.
Por parte dos representantes dos titulares, propúxose mellorar a comunicación para favorecer a asistencia das/os propietarias/os ao levantamento e, na medida do posible, que se identifiquen correctamente as fincas.

Unha empresa de loxística instálase no parque empresarial de Catoira

A empresa de transportes LOXÍSTICA GARMOU trasladará a súa sede social e instalacións dende Ribeira ao polígono de SEA en Catoira de forma “inminente”. Así o confirmou o representante da firma este luns nun encontro co alcalde Xoán Castaño, a concelleira de Obras Vanesa Pérez e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico –entidade que xestiona o polígono-, Beatriz Sestayo.
A empresa de transportes pedirá en breve a licenza para levantar unha nave de 2.000 metros cadrados, oficinas e un lavadoiro ecolóxico que recupera o 80% da auga utilizada, cun investimento de preto dun millón de euros.
Xoán Castaño destaca que a instalación da firma suporá importantes ingresos para as arcas municipais e anima a máis compañías a ocupar o parque empresarial.

 

Catoira participa no Programa Integrado de Emprego do Baixo Ulla

Un total de 20 mulleres e 4 homes de Catoira participan no Programa Integrado de Emprego do Baixo Ulla que foi presentado onte.
Nesta iniciativa participan, ademais do Concello de Catoira, os municipios de Valga, Pontecesures, Padrón, Rois e Dodro, sumando un centenar de persoas beneficiarias/os.
Desde agora e ata novembro, vaise realizar un conxunto de accións para facilitar a súa inserción no mercado laboral. O programa céntrase especialmente nos sectores da loxística e comercio, hostalaría e turismo, industrias alimentarias, metalurxia, téxtil, servizos comunitarios e agrario e forestal.

Festa de Entroido 2024

Dado que as previsións indican que pola tarde non choverá en Catoira, celebrarse o desfile a partir das 17:30 h desde a praza Dr Vázquez, pola Rúa da Estación, Avenida da Ponte, ata o Pavillón Municipal de Deportes.

 

 

 

 

 

Ante a previsión de chuvia para este domingo 11, a festa de Entroido será no Pavillón de Deportes a partir das 18:00 horas.

Non obstante, se o domingo a previsión fose máis favorable, faríamos o desfile desde a praza Dr Vázquez, pola Rúa da Estación, Avenida da Ponte, ata o Pavillón. Sobre isto informaremos o domingo pola mañá a través da web catoira.gal e redes sociais. A participación neste desfile non será obrigatoria nin tida en conta polo xurado.

Ábrese o proceso de licitación para a xestión da Escola Municipal de Teatro

O Concello de Catoira abre o proceso de licitación para a xestión da Escola Municipal de Teatro. Seguindo un proceso aberto e transparente, o Goberno Local aposta, deste xeito, por consolidar e darlle estabilidade a esta entidade, un importante motor na dinamización cultural e social no concello.

As persoas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 20 de febreiro. Pódese consultar toda a información na Plataforma de Contratación do Sector Público:

https://contrataciondelestado.es/wps/poc?uri=deeplink:detalle_licitacion&idEvl=iLSnMUj3ohe7JOCXkOhcDg%3D%3D

 

Convócase unha reunión sobre a Romaría Vikinga

O equipo do Goberno Local, coa intención de escoitar e implicar á veciñanza de Catoira na organización da Romaría Vikinga 2024, convoca unha xuntanza para todos os colectivos culturais, asociacións e persoas interesadas en participar e/ou achegar ideas e propostas para a programación da festa.
A xuntanza terá lugar o venres 12 de xaneiro ás 20:00 horas na sala Celso Emilio Ferreiro (Edificio Multiusos).

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE SUBVENCIÓN AO CONCELLO DE CATOIRA PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE INFORMACIÓN EN OFICINAS DE TURISMO

A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu ao Concello de Catoira una SUBVENCIÓN PARA O FINANCIAMENTO DOS CUSTOS DA PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE INFORMACIÓN E ATENCIÓN AO PÚBLICO NA OFICINA DE TURISMO DE CATOIRA, adherida á Rede de Oficinas de Turismo INFO Rías Baixas, para o ano 2023.

A subvención, por importe de 6.241,27 euros, foi concedida pola Xunta de Goberno da Deputación Provincial na sesión ordinaria do día 13 de xaneiro de 2023, logo de ser solicitada polo Concello de Catoira ao abeiro da correspondente convocatoria.

A prestación do servizo realizouse durante 6 meses, entre o 30 de maio e o 29 de novembro de 2023. O pagamento da citada subvención farase una vez remitida á Deputación Provincial a documentación xustificativa na forma e prazo indicado nas Bases Reguladoras da convocatoria.

ANUNCIO SUBVENCIÓN INFORMADOR TURÍSTICO

Top