BANDO RECORDATORIO LEMBRANDO AS OBRIGAS DE XESTIÓN DA BIOMASA

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF), ten como un dos seus obxectivos actualizar o réxime xurídico da loita contra os incendios no medio rural, integrando nel a prevención e a extinción, ademais da protección da poboación, das infraestruturas e das instalacións agrarias.A planificación preventiva pasa a ser un elemento estrutural fundamental deste sistema, que se asenta na actuación concertada de todas as administracións actuantes no ámbito da defensa contra os incendios forestais.

 

Nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio, de acordo co artigo 21 da Lei 3/2007, para as persoas responsables xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, como o eucalipto ou varias variedades de pino, entre outras. Estes requisitos deberán cumprirse antes de que remate o mes de maio de cada ano.

 

En virtude do que antecede, comunícase as persoas responsables que dispoñen ata o 31 de maio para o cumprimento voluntario da súa obriga para xestionar a biomasa nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas.

 

En caso de incumprimento transcorrido o devandito prazo, o concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas no artigo 22.2 da Lei 3/2007, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda. A persoa titular do terreo ou do dereito de aproveitamento terá a obriga legal de facilitar o necesario acceso para a realización dos traballos de xestión de biomasa e retirada das especies arbóreas prohibidas. O suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais contemplados legalmente, cando o acceso afecte, dentro da parcela, a espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución Española.

 

No caso de proceder a execución subsidiaria, o Concello procederá á liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, unha vez transcorrido o prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso.

 

En caso de incumprimento poderá iniciarse tamén o correspondente procedemento sancionador:

  1. a) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia), sen prexuízo do establecido no artigo 51.2 g) para as faltas graves.

 

  1. b) Contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer no caso de infracción leve: 1.000 € (artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da Lei 3/2007. No caso de ser considerada infracción grave a contía máxima da sanción será de 100.000 € (artigo 74.b)

 

  1. c) Procederase ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas de acordo co establecido no 22.2 da Lei 3/2007.

 

As faixas secundarias están delimitadas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios do Concello e estarán a disposición dos interesados na páxina web do Concello de Catoira (Sede electrónica -> Taboleiro de anuncios -> Urbanismo)

Enlace: https://catoira.sedelectronica.gal/board/975963e4-f59b-11de-b600-00237da12c6a/

O AUDITORIO DE CATOIRA ACOLLE ESTA SEMANA A OBRA DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO “ÁS OITO DA TARDE, CANDO MORREN AS NAIS”

O director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez, e o alcalde, Alberto García, presentaron esta mañá a montaxe, que estará no Auditorio de Catoira do 26 ao 29 de maio, con todas as funcións inclusivas.

Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a peza conta no elenco con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado.

“Ás oito da tarde, cando morren as nais” estará no Auditorio de Catoira desde este xoves, cunha primeira función matutina destinada a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás 21,00 horas e o domingo, ás 19,00 horas. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de catro euros, con descontos para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes desde unha hora antes da función.

Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.

Segundo destacou Fran Núñez, está confirmada xa a asistencia de veciñanza dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados e Gondomar, ao abeiro do programa de mobilidade do CDG, que permite contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.

Ademais, por primeira vez todas as representacións serán inclusivas, grazas ao sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións, tanto no Salón Teatro coma noutros espazos.

Pola súa parte, o alcalde, Alberto García, agradeceu a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira nesta xira, apostando por fomentar o teatro e o acceso a grandes producións en concellos pequenos.

Estreada o pasado 15 de abril no Salón Teatro de Santiago, a produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, iniciou o percorrido en Cee, viaxando logo a Portugal para ofrecer funcións en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e regresando a Galicia o 19 de maio con parada en Cedeira, onde permaneceu ata o 22. A xira chega agora ao Auditorio Municipal de Catoira, que acolle a montaxe do 26 ao 29, e finaliza no Teatro Principal da Estrada do 2 ao 5 de xuño.

CAMPAMENTOS DE VERÁN DA XUNTA DE GALICIA. ANO 2022.

Está aberto o prazo de inscrición para os campamentos de verán da Xunta de Galicia ano 2022.

  • Os campamentos están distribuidos en quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo, agosto e setembro.
  • Destinatarios/as: nenas e nenos nacidas/os entre os anos 2004-2013 (ámbolos dous incluidos).
  • Prezo: segundo campamento elixido. as familias numerosas e as monoparentais terán un desconto do 50% e os mozos/as usuarios/as de carné xove terán un desconto do 25%.
  • Prazo de solicitude: ata o 26 de maio.
  • Información: departamento de servizos sociais do Concello.

TANXUGUEIRAS GRABAN PARTE DO SEU ÚLTIMO VIDEOCLIP “PANO CORADO” NA LAGOA DE PEDRAS MIÚDAS DE CATOIRA.

As Tanxugueiras, que actuarán o día 5 de agosto en Catoira, grabaron parte das localizacións do seu último videoclip na Lagoa de Pedras Miúdas.
Queremos agradecer tanto as propias Tanxugueiras como a todo o equipo de Trece Amarillo e Playplan que elexiran este fermoso lugar do noso Concello para realizar parte deste traballo.
Durante a grabación o alcalde Alberto García entregoulles exemplares do libro “Toponimia de Catoira” de Gonzalo Navaza (2007) que inclúe un mapa coa localización dos lugares de Catoira nomeados como Tanxugueiras.
“Recibe o nome de A Tanxugueira unha zona de arboredo da parroquia de Dimo, onde hai tamén As Tanxugueiras Grandes, As Tanxugueiras Pequenas, As Tanxugueiras da Eira e mais as Tanxugueiras da Chan. Estas formas son alteración dun orixinario Teixugueira, zootopónimo común en Galicia que designa lugares onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou os tobos onde habitan estes animais.”
Podedes ver o videoclip aquí:

Servizo de Atención Temperá Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020

Servizo de Atención Temperá

Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020

“O FSE inviste no teu futuro”

Agrupación dos concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Catoira, Moraña e Barro

As subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega da atención temperá están cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

O obxectivo (O.T.9) é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorna, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

CATOIRA ACOLLERÁ DURANTE CATRO DÍAS A ÚLTIMA PRODUCIÓN DO CDG “ÁS OITO DA TARDE, CANDO MORREN AS NAIS”

O Auditorio Municipal de Catoira é un dos espazos elixidos polo Centro Dramático Galego para a xira da súa última produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, poderá verse en Catoira entre os días 26 e 29 de maio.

A primeira función, o xoves 26, estará dirixida a alumnado de centros de ensino medio da contorna, co obxectivo de achegar a dramaturxia e o teatro contemporáneo galego aos máis novos.

Co fin de descentralizar a actividade do CDG e de chegar a unha maior cantidade de público, especialmente de localidades máis pequenas, por primeira vez o programa de mobilidade esténdese á xira e vai contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.

“Ás oito da tarde, cando morren as nais” leva á escena o texto da creadora escénica Avelina Pérez, galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.

A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.

Trala súa estrea o pasado 14 de abril, a montaxe permanecerá no Salón Teatro ata o 1 de maio, para logo iniciar a xira por catro localidades galegas e dúas de Portugal. O goberno local agradece a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira nesta xira.

ENTREGA DE NOVAS MÁQUINAS PARA O XIMNASIO DO CLUB DE PIRAGÚISMO AS TORRES – ROMARÍA VIKINGA

Onte fíxose entrega das novas máquinas para o ximnasio do Club de Piragüismo As Torres – Romaría Vikinga. ??️‍♀️
Ao acto de entrega acudiron o alcalde Alberto García e o tenente de alcalde Javier César.
Estas máquinas supuxeron un investimento de 11500€
Mercaronse as seguintes máquinas:
– Seated Chest Press Machine
– Seated Cleg Extencion Machine
– Máquina Seated Row
– Máquina Shoulder Press
– Máquina linear leg Press
Esta colaboración súmase a outra anterior de novembro de 2020 na que se investiron 12000€

PROGRAMA DEPOTERMAL DE ASISTENCIA DIARIA E DE PERNOCTACIÓN EN SPA, BALNEARIO OU TALASO.

PROGRAMA DEPOTERMAL DE ASISTENCIA DIARIA

Organizado pola Deputación Provincial xunto co Concello de Catoira

CONTIDO: A metodoloxía do programa consiste en pasar cinco días consecutivos,en quendas de mañá ou tarde, de luns a venres, nun establecemento hostaleiro (balneario, spa, talaso…) da provincia, facilitando o transporte desde os concellos ata o
establecemento e viceversa.

BENEFICIARIOS/AS:

  • Persoas nadas antes do 1 de xaneiro 1972.
  • Pensionistas da seguridade social.
  • Persoas que precisen de respiro familiar, mediante informe da traballadora social.
  • Persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

PRAZO DE SOLICITUDE: Ata o 2 de maio de 2022.

PREZO: Os prezos determinaranse en función da renda persoal de forma individual e mensual.

INSCRICIÓN: No departamento de Servizos Sociais do Concello.

 

 

 

 

 

 

 

 

PROGRAMA DEPOTERMAL DE PERNOCTACIÓN EN SPA, BALNEARIO OU TALASO.

Organizado pola Deputación Provincial xunto co Concello de Catoira

CONTIDO: O Programa ofrece unha estancia de seis días e cinco noites (de domingo a venres) nun hotel con spa, balneario ou outro tipo de instalación similares, na provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa, incluídos os traslados en  autocar desde o Concello ata os establecementos e viceversa.

BENEFICIARIOS/AS:

  • Persoas nacidas antes de 1972.
  • Pensionistas da seguridade social.
  • Persoas que precisen de respiro familiar, mediante informe da traballadora social.
  • Persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

PRAZO DE SOLICITUDE: Ata o 2 de maio de 2022.

PREZOS: Os prezos a aboar determinaranse en función da renda persoal de forma individual e mensual da persoa solicitante.

INSCRICIÓN: No departamento de servizos sociais do Concello.

Top