Muíños de vento

Catoira é o único municipio de Galicia que posúe exemplos dos tres tipos de muíños tradicionais. Ademais do seu elevado valor etnográfico, habería que destacar o seu emprazamento en lugares de gran beleza paisaxística. Iniciouse un plan de recuperación dos mesmos coa restauración da maioría dos muíños de vento existentes, completarase coa restauración do resto dos tipos e o trazado de rutas de sendeirismo.

 

Muiño de mareas

O Muíño de Mareas, tamén coñecido como Muíño do Cura ou Muíño de Machón, está situado na desembocadura do río Catoira. A este lugar pode accederse a través dun sendeiro peonil que comunica o paseo fluvial do Ulla, dende a praia, cun novo treito que enlaza esta área coa ruta do río Catoira, o edificio multiusos e a Fonte Gaiteira. Tras a súa expropiación, está previsto levar a cabo actuacións para recuperar o muíño de Machón. É dos poucos exemplos de aproveitamento de enerxía maremotriz na contorna.

 

As tres tipoloxías de muíños presentes no Concello de Catoira: muíños de vento de Abalo, muiño de regato da Ponte Vella, e Muiño do Cura, un dos raros exemplares de muiño de mareas existentes en Galicia

 

O río Catoira caracterízase polos fermosos lugares polos que decorre, a gran cantidade de muíños de regato que hai nas súas ribeiras (45), as diversas áreas recreativas ás que pode acceder o camiñante que percorra as súas marxes e a presenza dun dos escasísimos exemplares de muíño de mareas que existe na súa desembocadura, coñecido como o Muíño do Cura. Estes muíños, de grande interese etnográfico asentado na moenda do cereal, son un valioso patrimonio cultural e testemuños dun uso racional destes recursos. O concello de Catoira leva anos traballando na recuperación deste patrimonio. Ao longo desta senda seleccionáronse once muíños, en base á súa tipoloxía, accesibilidade, estado de conservación, etc. para a súa recuperación; a meirande parte deles xa están restaurados.

Top