A xerente da SEA visita o parque empresarial de Catoira trala adxudicación dunha parcela a unha empresa de mecanizados

A xerente de SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), Beatriz Sestayo, realizou unha visita ao polígono industrial acompañada do alcalde, Xoán Xosé Castaño. Beatriz Sestayo informou ao alcalde sobre a adxudicación, no Consello de Administración de SEA celebrado en xuño, dunha parcela de 2.133 metros cadrados no polígono industrial. O alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño, explicou a obra prevista polo Concello para a mellora da seguridade viaria no acceso norte ao parque empresarial, que xa foi adxudicada.

Catoira, martes 3 setembro 2019

A xerente da sociedade Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde de Catoira, Xoán Castaño, mantiveron un encontro este martes para analizar posibles medidas que permitan impulsar o parque empresarial de Catoira. Na reunión participaron tamén o concelleiro de obras de Catoira, José Gonzalo López, e o responsable comercial e avogado de SEA, José Rey.

Tras unha reunión no Concello, visitaron o parque empresarial, que conta cunha superficie bruta de 91.139 metros cadrados e neta de 59.560. Despois de facer o roce do parque en xullo por parte de SEA, prevese que nas vindeiras semanas, segundo comunicou o alcalde, se inicie a obra de mellora da seguridade viaria no acceso norte ao parque cun orzamento de 119.000 euros.

ADXUDICACIÓN DE PARCELA

Pola súa banda, a xerente da SEA informou ao alcalde de que no pasado Consello de Administración de SEA, celebrado o 10 de xuño, acordouse a adxudicación da parcela 3 do Parque Empresarial de Catoira, cunha superficie total de 2.133 metros cadrados, polo prezo de 159.994 euros máis I.V.E., a unha empresa de mecanizados e caldeirería.

Durante a visita, Xoán Castaño mostrou a súa confianza en que a recente adxudicación e mellora da vía de acceso supoña o “punto de partida” da revitalización do parque empresarial. Beatriz Sestayo transmitiu a aposta de SEA, dependente do Ministerio de Fomento, polo desenvolvemento empresarial e remarcou o seu interese en fomentar activamente o parque empresarial de Catoira. O principal obxectivo de Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., SME, é o desenvolvemento e comercialización de parques empresariais en Galicia, xestionando na actualidade 13 polígonos industriais na comunidade que suman máis de 4 millóns de metros cadrados.

 

Top