O Concello de Catoira acolleu o pasado mércores a xornada temática “Los vikingos y el vino en Galicia”, un evento que situou ao noso municipio no punto de encontro entre os itinerarios culturais europeos Camiños de Santiago e Ruta dos Vikingos.

A xornada comezou coa benvida do alcalde, Alberto García, seguida da presentación do libro “Los vikingos en Galicia”, de Eduardo Morales. A continuación interveu o presidente da Destination Viking Association (DVA) Ole Madsen, da que forma parte Catoira. Finalmente o catador Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, fixo unha presentación sobre a D.O. Rías Baixas rematando cunha cata de tres viños albariños. A xornada foi clausurada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez.

Este evento supón o inicio dun proxecto que ten previsto levar a cabo o Concello de Catoira o vindeiro ano, e que inclúe a celebración dun seminario que pretende seguir afianzando os vínculos entre os dous itinerarios culturais, así como un estudo para trazar unha ruta viquinga entre Catoira e Santiago de Compostela. O seminario levarase  a cabo durante a primeira semana de agosto de 2022, coincidindo coa celebración da  Romaría Vikinga e da Festa do Albariño, ambas celebracións recoñecidas como festas de Interese Turístico Internacional. Un dos obxectivos deste proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, é aproveitar as relacións entre estas rutas para promover a internacionalización das dúas celebracións.

Top