Este outono temos a oportunidade de gozar de novo dunha exposición que mestura a arte e a natureza a través de tres manifestacións diferentes: os bonsáis, a cerámica e a pintura.
Tito Riveiro mostra parte da súa colección de bonsáis nunha das etapas máis recomendables para admiralos. Consegue reducir a escala moitas variedades distintas da nosa flora autóctona e outras alóctonas para gozalas dunha forma diferente á que estamos habituados. Dada a súa fraxilidade, os bonsáis estarán expostos unicamente durante unha fin de semana: entre o días 22 e 24 de outubro.
A manipulación doutro material natural, pero inerte, complementa esta mostra. Do mesmo xeito que fixeron xa os nosos antepasados, Ana González, restauradora de bens culturais, utiliza a arxila como materia prima para as súas creacións. Nesta ocasión, a réplica que realizou do mosaico romano de Panxón será o elemento central dunha colección que trata de dar a coñecer a riqueza cultural que nos rodea co fin de contribuír á súa posta en valor e preservación.
A exposición complétase coa obra pictórica de Ángeles Garrido. Ten participado en numerosas mostras colectivas e individuais. Na súa obra procura a beleza con cada motivo elixido, camiñando entre o realismo e o expresionismo. Representa desde paisaxes que transmiten paz, retratos de personaxes que nos envían unha mensaxe, a escenas ecuestres de gran forza.

Top