Tras tres semanas de apertura ao público, o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO), está a superar as expectativas en canto ao número de visitas e valoracións. Neste período, as instalacións expositivas recibiron a visita de mais de 500 persoas.

As persoas que se achegan ao centro aprecian especialmente a posibilidade de coñecer cómo se desenvolve a Romaría Vikinga. A visita permite un achegamento á pegada dos pobos nórdicos e á Romaría que se celebra cada verán en Catoira, como festa de interese turístico internacional, cunha videoprodución de grande formato no soto, que permite revivir o desembarco viquingo en primeira persoa.

O Cacto naceu como centro de interpretación de Torres de Oeste. Un achegamento á historia deste enclave: unha insua na desembocadura do río Ulla que constituíu a porta de acceso e fronteira de protección desde o océano cara ó interior de Galicia e as terras de Compostela “Torres de Oeste, chave e selo de Galicia”.

Con esta mirada faise un percorrido desde a pegada da prehistoria na contorna, os primitivos tráficos comerciais marítimos na cultura castrexa e continuados durante o Imperio Romano, cando xa atopamos a identificación de “Turris Augusti” na desembocadura do río Ulla. Na alta idade media o enclave cobrou un novo protagonismo, coa reconstrución e reforzo da fortificación, nomeada xa como “Castellum Honesti”, para facer fronte ás incursións das novas ameazas chegadas desde o mar: os “homes do norte” na procura de riquezas en Jakobusland -como chamaban a Galicia-. Máis aló da etapa de incursións viquingas, as costas galegas sufriron o asolagamento de piratas almorábides achegados por mar desde o sur da península. Neste contexto xurde a figura de Diego Xelmírez, que viviu de neno no propio castelo de Torres de Oeste, e que logo, xa como arcebispo de Santiago, deu un pulo ás defensas da ría de Arousa, no propio Castelo de Oeste, e promoveu a construción, nos estaleiros do río Ulla, da primeira flota de galeras dos reinos cristiáns da Península Ibérica, para defender e combater con éxito as incursións nas costas das rías galegas.

O centro conta con paneis informativos, exhibición de réplicas que contextualizan diferentes etapas da historia das Torres, e varias unidades audiovisuais que permiten afondar de xeito interactivo e inmersivo nos contidos da exposición. No andar superior atópase un espazo para actividade cultural dedicado a presentacións e talleres para visitas escolares. Namentres, aprovéitase dito espazo como extensión expositiva cunha ollada ao patrimonio cultural do Concello de Catoira.

Top