A EXPOSICIÓN “GALICIA ESCANDINAVA” PODE VISITARSE NO CACTO ATA O 23 DE AGOSTO

Desde hoxe a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela” pode visitarse no CACTO (Centro de Activación Cultural Torres de Oeste), situado na entrada ao recinto (Paseo de Xelmírez, 2)

O Concello de Catoira acordou coa Fundación Carlos Casares a ampliación do prazo de exposición ata o 23 de agosto, e o traslado da mesma a este centro, dado que deste xeito pode visitarse en horario de mañá e tarde, coincidindo coa apertura da oficina de turismo, e permite realizar a visita conxunta a esta mostra e mais á exposición fotográfica “A Romaría Vikinga no obxectivo”, que se encontra no mesmo centro.

Horario de visita:
11:00 a 13:30 (martes a domingo)
17:00 a 19:30 (martes a xoves)
17:00 a 20:30 (venres e sábados)

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.