COMEZA A NOVA TEMPADA DO CLUB DE LECTURA DE CATOIRA.

 

Como xa vén acontecendo desde os últimos tres anos, o Club de Lectura de Catoira comeza unha nova tempada, que nos levará a través da lectura por mundos descoñecidos, apaixonantes, divertidos, entretidos… e que nos farán vivir unha nova vida cada vez que comezamos un novo libro.

Esta tempada comezamos coa lectura da novela Era por setembro, que xa podedes solicitar prestada na Biblioteca, de Xabier Quiroga, que virá visitarnos para conversar con nós da súa obra.

Somos xa un grupo numeroso as e os que participamos nesta actividade, que ten por único obxectivo o pasar un bo rato lendo e outros estupendos momentos falando entre nós e compartindo todo aquilo que queiramos no momento de comentar o que nos suxire a lectura dun libro.

Para poder facelo, pomos a disposición de todas e todos varios exemplares dun mesmo libro para que cada un o lea onde e cando estime máis oportuno. Despois reunímonos todas e todos unha vez ao mes para por en común as sensacións que o libro nos produciu.

Se queredes sumarvos ao noso grupo, non tedes máis que comunicalo na biblioteca.

Canto custa a actividade: é gratuíta: a Biblioteca Municipal préstache o libro.

Prazo para ler cada libro: entre quince e vinte días.

Cada canto nos reunimos: unha vez ao mes, sempre despois de ler o libro.

Onde nos reunimos: na Biblioteca Municipal do Concello de Catoira.

Que días nos reunimos: alternamos o día mes a mes: luns, martes, mércores ou xoves.

A que hora nos reunimos: en outono e primavera, ás 20:45. En inverno, ás 20:30.

Anímate a ler con nós! Estaremos encantados de recibirvos!

Top