Son coñecidas por todos os veciños de Catoira as carencias que padecemos en relación co servizo sanitario do SERGAS. Problemas cas baixas de persoal non cubertas, o limitado tempo de atención pediátrica e deficiencias nas instalacións foron o obxecto da reunión que mantivo o alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño, co xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e o Salnés, José Ramón Gómez Fernández.

En moitas ocasións a solicitude dunha consulta médica por un catoirense vese satisfeita a unha semana vista. Esto débese a que a baixa dalgún dos dous médicos non se suple o que supón un grande incremento no volume de traballo do outro médico, que pode alcanzar nun día ata as sesenta e cinco citas. Tamén presentan problemas as substitucións en enfermaría, o que agrava a situación de desamparo sanitario da veciñanza.

O alcalde de Catoira mantivo devandita reunión co xerente da xestión sanitaria de Pontevedra e o Salnés para manifestarlle a necesidade de que Catoira conte cun servizo sanitario de calidade e tentar que o SERGAS solucione a problemática. Gómez Fernández recoñece a sobrecarga asistencial no centro de saúde catoirense por baixas laborais no persoal asignado ao centro, sen embargo sinalou que ningunha urxencia queda sen atención no horario do consultorio catoirense. O xerente sanitario comprometeuse a enviar puntualmente substitución do persoal médico para que mentres dure o estado de baixa da doutora, esto non supoña unha alteración na prestación do servizo. Polo tanto podería haber dous médicos a maior parte dos días independentemente das súas circunstancias persoais, o cal aliviará a situación cando algún dos dous doutores con praza en Catoira se ausente. Malia este compromiso, manifestou a imposibilidade de ampliar o servizo de atención pediátrica.

Referente ao mantemento e deficiencias no cerramento e no interior do centro sanitario, o xerente comprometeuse a estudar a súa revisión e subsanación dos desperfectos.

Top